A través da miña pel resecada
respiro a paisaxe
e decátome de que sempre é a mesma.
De que non serve virarse,
porque non vou obter pracer,
porque nada queda atrás.
E o futuro?
Que ven sendo o futuro?
Un continuo devecer, unha morte viva.
A esperanza do que non é.
A dignidade perdida.
Un lóstrego illado no bosque de pantasmas tristes
que botan un riso desencaixado e sepulcral
na partida de cartas marcadas
que xogo co meu destino.
Unha pequena folla volveuse de cor murcha
ao meu paso,
arrastrada polo empuxe do lume do teu alento.
Con verdadeira furia, piseina
e, en sopros xeados,
acudiume a vergoña.
Escorrentei a follaxe
que chegaba aos meus pés
nun só instante,
en remuíños,
por moreas abafantes,
e do meu peito
saíron laios de dor
coa incerteza do día fuxidío.
Agora tento agocharme
nas derradeiras raiolas,
na escuridade a piques de cubrir
a fermosa cidade
e sorrío á chegada do solpor,
tan de preto.
Quero rexeitar a miña realidade
afastando os meus pensamentos escuros,
impregnados de miserias núas
e esquecer que, un día,
presentindo o meu devir,
nacín chorando.